AVANTE POIO representa un proxecto que xorde do acordo entre poienses, de nacemento ou residencia, que queren traballar para asegurar un presente e futuro dignos para todos os veciños e veciñas do municipio. Avante Poio defende a democracia participativa como forma de organización política da sociedade, e, rexíndonos polo principio da democracia participativa, establecemos o presente regulamento para a escolla da cabeza de lista para as eleccións municipais 2019.
ARTIGO 1. OBXECTO E CONVOCATORIA
1. O presente Regulamento ten por obxecto regular o proceso de elección, a través de primarias abertas á cidadanía, da cabeza de lista da candidatura de Avante Poio ás eleccións municipais de maio de 2019 no municipio de Poio.
2. O Regulamento desenvolve os acordos incluídos na Proposta de Consenso de Primarias aprobada por unanimidade na asamblea celebrada o 28 de febreiro de 2019.
3. Correspóndelle á Coordinadora, por delegación da asamblea, a convocatoria oficial das Primarias Abertas de Avante Poio, segundo o calendario previsto no artigo 2 do presente Regulamento.
ARTIGO 2. CALENDARIO.
O calendario das Primarias Abertas de Avante Poio será o seguinte:
17 de marzo, 19:00 horas. Convocatoria das Primarias e apertura do prazo de inscrición para voto presencial.
23 de marzo, 19:15 horas. Data límite para a presentación de candidaturas á cabeza de lista.
23 de marzo, 19:30 horas. Proclamación provisional de candidaturas e comunicación de erros para a súa subsanación.
23 de marzo, 19:45 horas. Presentación e resolución de alegacións e subsanación de erros.
23 de marzo, 20:00 horas. Proclamación definitiva de candidaturas e votación presencial no colexio electoral. Proclamación definitiva dos resultados.
ARTIGO 3. SUFRAXIO ACTIVO.
1. No proceso de Primarias Abertas de Avante Poio terá dereito ao voto toda persoa maior de 16 anos que resida en Poio, e que se adherise a Avante Poio antes do 12 de marzo de 2019.
2. Todas as persoas deberán probar que residen en Poio cun dos seguintes documentos: DNI con enderezo no municipio, certificado de empadroamento onde conste o nome da persoa titular e o enderezo. Ao ser voto presencial, o documento presentarase no intre de exercer o dereito.
3. Avante Poio obrígase a garantir o segredo do voto e ao cumprimento da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal. ARTIGO 4. ASPIRANTES
4.1. Requisitos para ser candidata/o
1. Será elixible calquera persoa con residencia en Poio que cumpra cos requisitos recollidos nos artigos 177 e 178 da Lei Orgánica 5/1985 do Réxime Electoral Xeral e cumpra ademais os seguintes requisitos imprescindíbeis:
a. Ter feito a adhesión a Avante Poio, como compromiso de cumprimento dos seus obxectivos políticos.
b. Ter manifestado por escrito un compromiso de cumprimento do Código Ético de Avante Poio.
c. Estar en posesión dos avais que estabelece o presente Regulamento.
d. Declaración xurada de non estar incurso en todas e cada unha das causas de exclusión.
2. Os formularios deberán ser entregados en tempo e forma, presencialmente no local electoral no que se celebrará a votación, o 23 de marzo, antes das 19:15 horas.
4.2. Criterios de exclusión
1. Non posuirán a condición de elixibles as persoas que se atopen nalgunha das seguintes situacións:
a. Ser cargo electo nalgunha outra Administración pública distinta do Concello de Poio.
b. Formar parte de candidaturas distintas á de Avante Poio que concorran ás eleccións municipais do mes de maio de 2019.
c. Estar imputada por delitos relacionados con corrupción, prevaricación, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, suborno e malversación e apropiación de fondos públicos, sexa por interese propio ou para favorecer a terceiras persoas.
d. Estar en situación de imputación xudicial por delitos de racismo, xenofobia, violencia de xénero, homofobia ou outros delitos ecolóxicos ou contra os dereitos humanos ou os dereitos das persoas traballadoras.
e. Non ter entregado en tempo e forma a documentación esixida.
2. Entenderase por imputación xudicial a existencia dunha resolución motivada onde un xuíz estime a existencia de indicios racionais de delito.
A concorrencia dalgunha destas causas de exclusión ao longo do proceso determinará a anulación da candidatura.
4.3. Avais
1. Terán a condición de avalistas as persoas adheridas a Avante Poio a día 12 de marzo.
2. Cada avalista poderá avalar unha persoa para a cabeza da lista e nunca poderá avalarse a si mesmo/a.
3. Os avais deberán ser formalizados empregando o formulario oficial e entregaranse amosando o DNI da persoa avalista.
4. Correspóndelle ao Órgano de Arbitraxe electoral a potestade de validar os avais entregados en tempo e forma e segundo se estabelece no presente Regulamento.
5. No caso de que o Órgano de Arbitraxe electoral detecte que unha mesma persoa avala máis dunha persoa para a cabeza de lista, comunicarao ao mesmo tempo que se fai pública a relación de candidaturas. A persoa avalista deberá subsanar o erro antes da proclamación definitiva.
6. Para presentarse a cabeza de lista, a persoa aspirante precisa de 5 avais.
7. Os avais, así como toda a documentación entregada polas persoas candidatas, serán custodiados pola Coordinadora. 4.4. Compromisos asumidos por Avante Poio coa persoa aspirante
1. Avante Poio, a través do Órgano de Arbitraxe Electoral, garantirá un trato igualitario na difusión de todas as candidaturas e a igualdade de oportunidades en todo o proceso.
2. Avante Poio garantirá o respecto á intimidade da persoa candidata, difundindo só os datos que desexe publicar e os meramente obrigatorios.
3. Avante Poio porá a disposición da persoa candidata os respectivos formularios para a presentación de avais e candidatura.
ARTIGO 5. CANDIDATURA
1. As persoas que aspiren a encabezar a candidatura de Avante Poio ás eleccións municipais de 2019 presentarán candidaturas individuais, avaladas por 5 sinaturas segundo o estabelecido no presente Regulamento. Estas persoas non poderán acompañar o seu nome de ningunha marca.
2. As persoas candidatas a cabeza de lista terán a opción de concorrer a un posto do resto da lista.
ARTIGO 7. ARBITRAXE
7.1. Organismo para a supervisión do proceso electoral
1. Crearase un órgano de supervisión do procedemento de Primarias Abertas denominado Órgano de Arbitraxe Electoral.
7.2. Conformación do Órgano de Arbitraxe Electoral
1. O Órgano de Arbitraxe Electoral estará conformado por duas persoas adheridas a Avante Poio.
2. A composición do Órgano de Arbitraxe Electoral será designada e referendada por consenso pola asamblea.
3. A composición do Órgano de Arbitraxe Electoral decidida pola asamblea debe ser paritaria.
4. A data límite de conformación do Órgano de Arbitraxe Electoral é o 23 de marzo de 2019.
7.3. Incompatibilidades do Órgano de Arbitraxe Electoral
1. Non poderán formar parte do Órgano de Arbitraxe Electoral aquelas persoas que sexan candidatas.
2. As persoas que forman parte do Órgano de Arbitraxe Electoral non poderán facer campaña nin solicitar o voto para ningunha candidatura.
7.4 Causas de expulsión do Órgano de Arbitraxe Electoral
1. Serán expulsadas do Órgano de Arbitraxe Electoral aquelas persoas incorran nalgún dos seguintes supostos:
Aquelas que soliciten publicamente, e por calquera medio, o voto para unha candidatura.
Aquelas que cedan a persoas alleas a dito órgano calquera tipo de dato persoal de terceiros.
2. A expulsión rexerase polo mesmo mecanismo de toma de decisións que afecta a todos os actos do Órgano de Arbitraxe.
7.5. Competencias do Órgano de Arbitraxe Electoral
1. Garantir o cumprimento deste Regulamento.
2. Poñer ao dispor das persoas interesadas os formularios correspondentes para a presentación de avais e candidaturas, incluídos os compromisos de cumprimento do Código Ético.
3. Aprobar as candidaturas presentadas.
4. Resolver as distintas queixas, denuncias e irregularidades que se manifesten durante o proceso de primarias.
5. Revisar os avais e a documentación acreditativa de residencia no municipio.
6. Validar ou anular os avais presentados.
7. Validar ou anular as candidaturas presentadas.
8. Elaborar resolucións a respecto dos conflitos e queixas que se podan producir nas inscricións, o contido dos avais e candidaturas.
9. Instar á Coordinadora a executar o réxime sancionador.
10. Interpretar baleiros do presente regulamento. 7.6. Mecanismo para a toma de decisión do Órgano de Arbitraxe Electoral
O Órgano de Arbitraxe Electoral adoptará as súas decisións por maioría dos seus membros. No caso de ser instado a executar o réxime sancionador, a Coordinadora tamén deberá adoptar as súas decisión por maioría de membros.
7.7. Mecanismo sancionador
1. Existirán dous niveis de infracción: leve e grave.
2. Dúas infraccións leves suporán, ao igual que unha grave, a anulación da candidatura.
3. Terán a condición de infraccións leves os seguintes supostos:
a. A non comunicación ao Órgano de Arbitraxe Electoral da celebración de actos públicos en que se solicite o voto para unha candidatura.
b. A solicitude de voto a través calquera medio de comunicación.
4. Terán condición de infraccións graves os seguintes supostos:
a. A difusión de mensaxes ofensivas sobre outras candidaturas.
b. A solicitude de voto a través de medios de comunicación privados, públicos ou comunitarios.
c. A edición de material propagandístico solicitando o voto para unha candidatura.
d. A utilización das ferramentas orgánicas de comunicación dunha organización política, solicitando o voto.
7.9. Procedemento sancionador do Órgano de Arbitraxe Electoral
1. O Órgano de Arbitraxe actuará como organismo sancionador de oficio ou a instancia dunha parte. Poderán presentar queixas diante do Órgano de Arbitraxe relativas á actuación doutros candidatos/as as persoas participantes no proceso de primarias.
2. Unha vez detectada ou denunciada unha infracción, o Órgano de Arbitraxe dispón de 24 horas dende o inicio das actuacións instrutoras para escoitar á persoa denunciada e, de habela, á denunciante. A persoa denunciada terá dereito, ademais, a presentar, en idéntico prazo, alegacións escritas a respecto da conduta baixo investigación.
3. Durante este proceso, a persoa denunciada ten dereito a presentar unha alegación motivada.
4. Tras escoitar ás partes, e acordar, no seu caso, as dilixencias probatorias que estime precisas, o Órgano de Arbitraxe emitirá unha resolución, que deberá ser comunicada á persoa denunciada e, no seu caso, denunciante. No caso de que a resolución recolla a existencia dunha sanción e realice unha proposta de sanción comunicaraa tamén á Coordinadora.
5. Á vista da proposta de sanción, a persoa afectada poderá presentar alegacións diante da Coordinadora no prazo de 24 horas. Recibidas as alegacións, ou rematado o sinalado prazo, a Coordinadora emitirá a resolución definitiva, confirmando ou modificando a proposta remitida dende o Órgano de Arbitraxe. ARTIGO 8. VOTACIÓN.
1. A votación nas Primarias Abertas de Avante Poio escollerá á persoa cabeza de lista da candidatura ás municipais de maio 2019.
2. O voto realizarase de xeito presencial o 23 de marzo de 2019. ARTIGO 10. SISTEMA DE VOTACIÓN
1. A votación da cabeza de lista estará regulada polo sistema Borda puro no caso de existir máis dunha candidatura.
2. No caso de existir unha soa candidatura a cabeza de lista, só se permitirán dúas opcións: votar o/a candidato/a ou votar en branco.
3. No caso de existir dúas ou máis candidaturas para encabezar a lista empregarase o método Borda puro. De acordo con este método, sexan cales sexan as opcións a escoller, o elector ou electora debe emitir tantos votos como opcións haxa ou votar en branco. Os votos son ordenados e obrigatorios, de xeito que a primeira opción escollida —no caso de que haxa tres candidatos/as— suporá 3 puntos, a segunda 2 e a terceira 1.
ARTIGO 11. XORNADA ELECTORAL
11.1. Lugar e forma de votación
1. Votarase presencialmente. Habilitarase un espazo a efectos de colexio electoral. No devandito colexio estará o Órgano de Arbitraxe Electoral para facilitar a votación e para garantir a limpeza do proceso.
2. Celebrarse unha xornada electoral o día 23 de marzo de 2019.
11.2. Seguridade do proceso. O Órgano de Arbitraxe velará pola seguridade do proceso.
11.3. Escrutinio. O escrutinio será realizado polo Órgano de Arbitraxe Electoral.
ARTIGO 12. PROCLAMACIÓN DA CANDIDATURA
12.1. Publicación e proclamación da candidatura
1. Abrirase un prazo de alegacións entre os días 24 e 26 de marzo de 2019.
2. A candidatura será proclamada polo Órgano de Arbitraxe o 27 de marzo de 2019.
コメント